Como conservar as patacas na casa

Cómo conservar las patatas en casa

Sabes como conservar as patacas na casa? A pataca é un produto indispensable na nosa despensa. A importancia deste tubérculo na elaboración de moitas receitas fai que a súa conservación deba realizarse con atención, coidado e agarimo. Tranquilidade. Isto non significa que teñamos que coidalas como dun bebé se tratase. Simplemente temos que ter en conta unha serie de boas prácticas que vos explicaremos de maneira detallada neste artigo. Para saber como conservar as patacas en casa, o primeiro é coñecer os factores que provocan a súa deterioración e que non as fan aptas para o seu consumo.

Razóns polas que se estragan as patacas

O principal problema ao que se enfrontan as patacas para a súa conservación somos nós mesmos. Temos a percepción de que é un produto que aguanta moito, xa que non conta con data preferente de consumo. Pero tal cousa non quere dicir que non poida estragarse. É certo que teñen bo aguante en diferentes contornas e máis dunha vez non temos nin idea de cal é a mellor opción para conservar as súas características en estado óptimo. Imos velo a continuación.

4 consellos para conservar as patacas

Para a conservación das patacas na casa debemos atender a catro criterios. Estes criterios son de fácil seguimento para calquera. Veredes que non ten moita complicación o como conservar as patacas.

Iluminación

As condicións de iluminación óptimas para as patacas son ben coñecidas. Buscaremos un lugar escuro, con luz moi suave. Se deixamos as patacas expostas a moita luz estas encollerán e estarán menos turxentes. Con moita iluminación na pataca producirase a estimulación de substancias químicas que provocarán que apareza un ton verdoso e amargor no seu sabor. Nalgúns casos mesmo poden ser tóxicas se se consomen.

Consello: utiliza unha caixa tapada.

Temperatura

Ao contrario que nós, que buscamos temperaturas suaves que rolden os 20 graos, as patacas queren menos calor. Necesitan temperaturas máis frescas -de non ser así deshidrátanse ou se oxidan- e as condicións de temperatura da maioría de fogares non garanten estas condicións. Se estás a pensar na neveira como solución, esquéceo. As patacas escureceranse e perderán o amidón. Onde podemos gardalas? A temperatura correcta para a boa conservación da pataca é arredor dos 10 graos.  Alternativas recorrentes en moitas casas son os garaxes ou despensas.

Consello: o garaxe ou o soto son boas alternativas.

Ventilación

Procura que as patacas estean ben ventiladas. Se as gardas no garaxe procura que este estea aireado. Outra recomendación: cando compres as patacas, cámbiaas de recipiente. O noso consello é que utilices unha caixa de cartón con buracos e ben tapada. Por outro lado, non laves as patacas antes de gardalas.

Consello: non acumules moitas patacas nunha mesma caixa. Necesitan espazo para “respirar”.

Soidade

A pataca é un produto que se conserva mellor en soidade. Detestan a compañía doutros produtos alimenticios, en especial a cebola. As cebolas á beira das patacas son garantía de patacas estragadas en moi pouco tempo. A causa está en que a cebola libera unha substancia que afecta negativamente á composición da pataca. Procura gardalas en lugares separados e se teñen que convivir na mesma estancia, o mais separadas posibles e en caixas diferentes.

Consello: non teñas moita cantidade de cebolas acumulada. Se compras aos poucos poderás telas a man na cociña xa que as consumirás moi rápido.

Última pregunta: como conservar as patacas unha vez as pelaches? A primeira recomendación que che facemos é que nunca peles máis patacas das que vaias usar. Se te pasaches, méteas nun recipiente, éncheo de auga e méteo na neveira. Se tiveches que recorrer a esta práctica, procura consumilas canto antes.

Agora que xa sabes como manter as patacas nun bo estado de conservación, convidámoste a descubrir as receitas con patacas do noso blogue.